Saturday 18 de May de 2024

Muíños subscribe a petición do sector do taxi e reclama ao bipartito a instalación de puntos de carga rápida para potenciar o vehículo eléctrico


Propón negociar con AENA a colocación dun punto “estratéxico” na parada do aeroporto ao tempo que se estudan posibles localizacións no ámbito urbano

“O proceso de cambio xa está iniciado, e desde as administracións temos que dar facilidades para incentivar a transición e avanzar nunha cidade máis sostible” afirma.

En Santiago operan xa dous taxis 100% eléctricos no marco dun programa piloto de cara á renovación integral do parque móbil do concello. Ante esta situación desde o Grupo Socialista propoñen a instalación de puntos de carga rápida na cidade para potenciar que máis vehículos de cero emisións se incorporen á flota de taxis: “desde as administracións temos que dar facilidades e incentivar a transición para avanzar nunha cidade máis sostible” defende o seu portavoz.

Gonzalo Muíños levará esta cuestión ao pleno do próximo luns instando ao goberno local a negociar con AENA a colocación de un punto de estas características no aeroporto Rosalía de Castro, un lugar “estratéxico” explica, polo tempo de espera que teñen os vehículos que prestan o servicio nese punto. Ademais propón que se estude conxuntamente co sector posibles localizacións no ámbito urbano.

“O futuro das cidades pasa pola incorporación á mobilidade de vehículos 100% eléctricos” explica Muíños, máis aínda toda vez que, como recorda, a Unión Europea puxo 2.035 como data límite aos automóbiles de gasolina e gasóleo: “por iso é importante, si, a concesión de subvencións para a compra de vehículos cero emisións, pero tamén o é dar facilidades para que a recarga non lles supoña un agravio”.

“Os puntos de recarga son vitais para promover que máis compañeiros se sumen ao eléctrico”

O presidente da Asociación de Radio Taxi, Jesús García subscribiu as palabras de Muíños nunha declaración conxunta, na que lle agradeceu ademais que se leve esta cuestión a pleno. García explica que os dous taxis están operando na cidade desde hai catro e dous meses e, na actualidade estanse atopando co problema da carga dos vehículos.

Insiste o representante dos taxistas que os puntos son “vitais para poder potenciar e promover que compañeiros continúen por esa liña” asegurando que o vehículo eléctrico é “o futuro”: “todos teremos que unirnos se queremos unha cidade máis limpa e sostible”.